statement

A produción que fago é, sobre todo, pintura figurativa de base realista e rastro autobiográfico, aínda que tamén hai publicacións de cadernos de viaxe, cartografías ilustradas e pezas de texto.
En termos xerais, é unha produción artística que traballa en contra da idea de grandeza (ropografía versus megagrafía), que parte do natural, do día a día, e sitúanos na base material da vida: o espazo para durmir, a comida, a cociña e os seus artefactos, o espazo de traballo, etc.
Este foco no concreto, no banal, implica unha íntima subversión a certas narrativas do importante: grandes ideas, grandes dramas e á vez, sitúa o interese do meu traballo nunha pulsión viva, en movemento.
É unha obra enraizada no presente.

Estrutúrase en varios bloques.
Produción de taller, onde teñen cabida proxectos de estudo de espazos íntimos e traballo do natural, como a tese de título: Intimidades propias e alleas. Sobre a pintura de cenas de interior (Lisboa, 2012), e outros proxectos como Sábado tarde me enjabono, (Tui, Pontevedra, 2019), Do amor e outras desordenes (Lisboa, ArteperiféricaCCB, 2012), Lisboa e outros asuntos de cama (COAG, Compostela, 2011), Asuntos de andar por casa y otras intimidades (Ponferrada, 2008) etc.
E produción dinámica, onde se sitúan os cadernos de viaxe e outros proxectos arredor da idea de viaxe, como o Oia Usté! (Pontevedra, 2019), De Ushuaia a Quiaca (Compostela, 2017), De Kuala Lumpur a Beijing (Cgac, Santiago, 2015), ou o Mapa Emocional de Compostela (Fundación Granell, Santiago, 2014), o Proxecto Zacatecas desenvolvido en México no 2007 etc.
As pezas de texto indagan sobre os mesmos intereses que a voz pictórica, trasladando este relato do presente, íntimo e vivo, a outros formatos. Pertencen a este epígrafe o proxecto Pintora Meiji (maxia sobre papel, 2019), as Crónicas do presente na exposición Sábado tarde me enjabono (Tui, 2019), ou a recente publicación do caderno Autobiografía cuantificada ou que difícil é ser maría meijide (Culturgal 2022, Pontevedra).