No ano 2018 a artista Lúa Gándara veu vivir uns meses ao Pazo Meiji, meses que ao final se converteron en ano e medio. Durante ese tempo fixemos moitas cousas.
Un open studio de nome Lúa Gándara vs María Meijide aberto ao público o 5 de Maio de 2018, e que se converteu nunha especie de competición deportiva de pintura.
Deste evento naceu o proxecto CASA E CONCEPTO, un proxecto expositivo de arte contemporánea a través da estrutura pegadiza do pack. Un cadro figurativo e un abstracto que se expoñen xuntos creando unha nova peza inédita. Mediante esta combinación queremos provocar diálogo visual e conciliación - din as artistas- xogando coa tensión entre o discurso conceptual e o goce dos sentidos.
Casa&concepto foi proxecto convidado na Fundación Seoane, no festival Audacia2019 da Cidade da Cultura, tamén foi exposto no Culturgal 2019, no festival Agrocuir da Ulloa, etc.
Esta entrevista de Elemental recolle as claves desta singular asociación: Lúa Gándara + María Meijide.